Piden axudas sociais, económicas e adaptarse a o novo marco de restriccións sanitarias
Esta mañá tivo lugar unha xunta de voceiros no Concello de Ourense cun único tema sobre a mesa: as medidas para frear o covid nunha cidade que está a ter una moi alta incidencia. Os partidos da oposición reclamaron ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, medidas urxentes e extraordinarias para paliar as secuelas da pandemia.
O voceiro socialista, Rafa Villarino, defendeu a necesidade de activar, de maneira inmediata, axudas no ámbito social e económico para proporcionar o apoio e protección que as persoas e sectores máis afectados polas novas restricións contra o covid precisan neste intre.
Deste xeito, Villarino avogou a favor de que o Concello axilice a tramitación administrativa das axudas municipais para as empresas que tiveron que pechar ou que viron a súa actividade “significativamente minguada”. Así mesmo, defendeu a organización dunha xuntanza cos sectores afectados para “explorar vías de colaboración”, máis necesaria se cabe agora que “fracasaron” as reunións da Xunta coas Deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para pór en marcha un plan de rescate á hostalería. “Hai que dar paso a un método para que as persoas que teñen os seus ingresos bloqueados poidan seguir adiante”.
Por outra banda, o socialista urxiu ao Concello a activar un protocolo anticovid para o servizo de axuda no fogar, co obxectivo de protexer a saúde dos traballadores e traballadoras municipais e evitar que sexan un cable de transmisión para os usuarios e usuarias.
Mentres, o BNG presentou unha serie de propostas encamiñadas a adecuar a actividade municipal ao novo escenario xurdido das novas restriccións impostas pola Xunta de Galiza para frear a expansión do virus que tanta incidencia está a ter no Concello de Ourense.
Para os nacionalistas, nestas circusntancias é preciso ampliar e consolidar o teletraballo no concello en todos aqueles ámbitos ou departamentos nos que sexa factible facelo, do mesmo xeito que solicitaron a implantación dun sistema de cita previa para a veciñanza que acode ás dependencias municipais e evitar así as longas ringleiras da Praza Maior.
Igualmente solicitaron ao goberno local o reforzo na limpeza e desinfección das dependencias e vehículos de titulariedade municipal. Desde o BNG tamén se interesaron polas novas medidas, se é que as hai, previstas no transporte público, e na que os nacionalistas propoñen voltar ás medidas adoptadas durante o confinamento establecido no pasado mes de marzo como é non cobrar e que os usuarios accedan aos vehículos pola porta traseira.